Avda. de Santiago, 12 - Guntín - 27211 - Lugo
 982 32 00 01  concellodeguntin@gmail.com

É Guntín unha terra con historia moito máis que milenaria (xa Ptolomeo falaba de Aquae Quintinae), que vive con forza estes tempos do século XXI.

A historia foinos deixando pegadas que acreditan vitalidade e potencia das 32 parroquias deste concello, en tempos cabeceira dun dos nove condados que no século VI conformaban as terras lucenses. E o miliario romano da Retorta, a fantasía románica de Ferreira de Pallares, a Ponte Cabalar ou a fortaleza da Mota son outras tantas xoias monumentais que os nosos devanceiros ergueron para a nosa honra.

Un documento do mosteiro de Ferreira (1227) é peza angular da historia do idioma dos galegos. E o Camiño do Norte a Compostela inscríbenos na historia da Fe; o Pemento de Mougán e a augardente de Francos na da gastronomía; e o pintor Tino Grandío no mundo grande da cultura.

E o traballo da nosa xente, a potencia das nosas pequenas e medianas empresas, a ilusión dos/as nosos/as emprendedores/as, a ilusión dos nosos habitantes máis novos, a forza da natureza que disfrutamos… todo conflúe nunha ilusión colectiva, na forza dunha terra, na potencia da nosa xente, para facer de Guntín un lugar de paz e de traballo, de fortaleza no presente, e de desbordante ilusión polo futuro.

María Jose Gómez Rodríguez
Alcaldesa de Guntín